Sen dúbida é a canción galega máis internacional. Rianxo entóaa na madrugada na que despide a súa festa maior, á luz de milleiros de bengalas e como un gran coro que estremece. É o punto culminante dunha semana con máis de 150 anos de historia e co eixo na súa Virxe Moreniña, esa a quen lle deu a cor a raíña de sol que entrou pola ventaniña. Rianxo homenaxea á Virxe de Guadalupe nunha espectacular procesión marítima pola ría e engalánase de época nun Feirón Mariñeiro multitudinario. O día grande é o primeiro domingo despois do 8 de setembro.